Sunday 05 de May de 2024

Aprobado definitivamente o proxecto de expropiación dun edificio construído sobre o río Anllóns na zona da Casilla


Estimada parcialmente unha das catro alegacións presentadas

A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito definitivo o proxecto de expropiación dun edificio que foi construído no seu día invadindo a canle do Anllóns e que será derrubado dentro do convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Carballo para acometer unha serie de actuacións que permitan evitar ou paliar os efectos das inundacións nas beiras do río.

Durante o trámite de información pública que se levou a cabo tras a aprobación inicial, o Concello de Carballo recibiu catro escritos de alegacións, que foron trasladados ao equipo redactor para a súa valoración. Unha das catro reclamacións foi aceptada parcialmente, no senso de recoñecer unha indemnización por gastos de aluguer por un período de seis meses e outros gastos en concepto de traslado de enseres e mudanza para os dous propietarios titulares do inmoble afectado.

A partir da notificación do acordo adoptado hoxe pola Xunta de Goberno Local, as persoas interesadas disporán dun prazo de 20 días para manifestar a súa desconformidade coa valoración establecida, en cuxo caso se daría traslado do expediente ao Xurado de Expropiación de Galicia. No caso contrario entenderase que se acepta esa valoración. Os pagos realizaranse o día 8 de setembro, ás 12.00 horas, na Casa do Concello.

O acordo permitirá a obtención de 280,15 metros cadrados de terreo para aumentar a canle do Anllóns ao seu paso pola ponte da Casilla ou de Isabel II. O obxectivo deste tipo de actuacións é eliminar obstáculos existentes no curso do río, neste caso un inmoble situado na rúa Fomento 57 (conta con semisoto, tres plantas e baixo cuberta, cunha superficie total construída de 786,74 metros cadrados) e un terreo vacante situado na parte posterior. O valor total ronda os 400.000 euros.

A adquisición do inmoble forma parte dos compromisos adquiridos polo Concello de Carballo dentro do convenio de colaboración con Augas de Galicia para reducir o risco de inundación nas marxes do Anllóns.